Mapa de Juan de la Cosa

O mapa de Juan de la Cosa é un mapa pintado sobre pergamiño, de 93 cm de alto por 183 de ancho, conservado no Museo Naval de Madrid. Unha inscrición no mesmo sinala que foi realizado polo mariñeiro cántabro Juan de la Cosa en 1500 en El Puerto de Santa María (Cádiz). A súa decoración indica que probablemente foi feito por encargo dalgún membro poderoso da corte dos Reis Católicos. Está considerado como a representación do continente americano máis antiga conservada, no que aparecen as terras descubertas até finais do século XV polas expedicións castelás, portuguesas e inglesas a América. Tamén mostra unha gran parte do Vello Mundo, segundo o estilo típico dos portolanos medievais, incluíndo noticias da recente chegada de Vasco da Gama á India en 1498. É a única obra cartográfica conservada das realizadas polas testemuñas presenciais das primeiras viaxes de Cristovo Colón ás Indias. O mapa fai alusión ao descubridor mediante unha grande imaxe de San Cristovo que cobre a zona onde debería estar Centroamérica. Cuba represéntase como unha illa, en contra da opinión de Colón, que a consideraba unha península das Indias.


Developed by StudentB